bible
ra
🌐 Language
English
Español
Français
Deutsch
Português
Italiano
Nederlands
Русский
中文
日本語
한국어
العربية
Türkçe
Tiếng Việt
ไทย
Indonesia
All Languages
Home
/
Galacian
/
Galacian 1989 (Biblia SEPT)
/
James 1
James 1
Galacian 1989 (Biblia SEPT)
Jump to:
Chapter 1
Chapter 2
Chapter 3
Chapter 4
Chapter 5
Chapter 2 →
1
Santiago, o servidor de Deus e do Señor Xesús Cristo, saúda as doce tribos que están na emigración.
2
Cando vos vexades envoltos en diferentes tentacións, meus irmáns, tédevos por moi ditosos,
3
porque xa sabedes que aquilo que somete a proba a vosa fe xera paciencia.
4
Pero cómpre que a paciencia vaia acompañada de boas obras, de xeito que sexades perfectos e completos sen fallardes en cousa ningunha.
5
Se algún de vós está necesitado de sabedoría, que lla pida a Deus, que llela dá a todos abondosamente e sen roñar;
6
e a ese tal tamén lla ha dar. Pero cómpre que pida con fe e sen dubidar para nada, que quen dubida é coma as ondas do mar, que o vento abala e leva de aquí para acolá.
7
Un home así non pense recibir cousa ningunha do Señor:
8
é un indeciso e un inconstante en todos os seus camiños.
9
Que o irmán de condición humilde se glorie da súa gran dignidade;
10
e o rico, da súa humillación, porque pasará coma a flor da herba:
11
soérguese o sol coa súa fogaxe e queima a herba, cáelle a flor e pérdese a súa fermosa aparencia; pois así mesmiño murchará o rico nas súas empresas.
12
Benia o home que resiste na tentación, porque, como a supere, recibirá o premio da vida, que Deus prometeu ós que o aman.
13
Que ninguén diga ó se ver tentado: "Deus é quen me tenta", porque nin o mal tenta a Deus nin Deus tenta a ninguén.
14
A cadaquén téntao a súa cobiza cando o arrastra e engaiola:
15
despois a cobiza concibe e pare o pecado; e o pecado, en consumándose, xera morte.
16
Non vos trabuquedes, irmáns queridiños.
17
Todo bo regalo e toda dádiva perfecta vén de arriba, do Pai dos luceiros, en quen nin hai cambios nin tempos de sombras.
18
Pola súa vontade tróuxonos á vida coa palabra da verdade, para que fósemos como as primicias das súas criaturas.
19
Xa o sabedes, meus irmáns benqueridos: que todo home sexa espelido para escoitar, calmo para falar e calmo tamén para o anoxo,
20
porque o anoxo do home non leva á conduta que Deus pide.
21
Polo tanto, rexeitando calquera lixo ou resto de ruindade, acollede docilmente a Palabra enxertada en vós, que pode salvar as vosas vidas.
22
Sede cumpridores da Palabra e non vos contentedes con escoitala xustificándovos con razóns enganosas.
23
Porque quen escoita a Palabra e non a pon en práctica é coma o home que se puxo a ollar a súa propia cara nun espello;
24
mirouse ben nel pero, ó que deu media volta, esqueceulle como era.
25
En cambio, quen afonda no coñecemento da lei perfecta, a que dá a liberdade, e se mantén nela, non para a escoitar e a esquecer deseguida, senón para a poñer por obra, ese será feliz na súa actuación.
26
Se alguén se tiver por home relixioso sendo un badueiro que engana o seu propio corazón, a súa relixiosidade sería baleira.
27
A relixión limpa e sen lixo ningún ós ollos de Deus Pai é esta: mirar polos orfos e polas viúvas nas súas coitas e gardarse da contaminación deste mundo.
Jump to:
Chapter 1
Chapter 2
Chapter 3
Chapter 4
Chapter 5
Chapter 2 →
All chapters:
1
2
3
4
5