bible
ra
🌐 Language
English
Español
Français
Deutsch
Português
Italiano
Nederlands
Русский
中文
日本語
한국어
العربية
Türkçe
Tiếng Việt
ไทย
Indonesia
All Languages
Home
/
Galacian
/
Galacian 1989 (Biblia SEPT)
/
Amos 9
Amos 9
Galacian 1989 (Biblia SEPT)
← Chapter 8
Jump to:
Chapter 1
Chapter 2
Chapter 3
Chapter 4
Chapter 5
Chapter 6
Chapter 7
Chapter 8
Chapter 9
1
Vin o meu Señor en pé sobre o altar, que batía nos capiteis facendo tremer os gonzos, e dixo: "Vou quebrar as cabezas de todos eles e o resto vouno atravesar coa espada; non haberá de entre eles fuxitivo que fuxa nin escapado que escape.
2
Anque furen deica o Xeol, de alí quitaraos a miña man; aínda que suban deica o ceo, de alí fareinos baixar;
3
Aínda que entoben no cumio do Carmelo, alí os descubrirei e os pillarei; aínda que se agachen da miña ollada no fondo do mar, alí mandarei a serpente que os morda;
4
Aínda que saian deportados diante dos seus inimigos darei orde á espada de que os fenda; pois vou pousar os meus ollos sobre eles para desfeita, non para ben".
5
Pois o meu Señor é Iavé dos Exércitos que se El toca a terra, esta derrétese e fan loito cantos nela moran, xa que se ergue toda coma o Nilo e mirra coma a corrente de Exipto,
6
que edificou no ceo o seu solio asentando na terra a bóveda celeste, que chama as augas do mar e as esparexe sobre a superficie da terra: Iavé é o seu nome.
7
"Non sodes acaso vós para min coma cuxitas, fillos de Israel? —oráculo de Iavé—. Non fixen eu subir a Israel do país de Exipto coma ós filisteos de Kaftor e a Aram de Quir?"
8
Velaquí os ollos do meu Señor Iavé que se volven contra o reino pecador: "Vouno exterminar de sobre a face da terra, mais non quero aniquilar o casal de Xacob" —oráculo de Iavé—.
9
Velaquí: dou orde de abalar de entre todos os pobos o casal de Israel como se abala a peneira, sen que caia ó chan unha pedriña.
10
Pola espada van perecer todos os pecadores do meu pobo, os que din: "Non nos atinxirá, non chegará ata nós a desfeita".
11
Naquel día erguerei a tenda derrubada de David, repararei as súas fendas, restaurarei as ruínas e reconstruireina coma nos tempos antigos,
12
para que se apropien do resto de Edom e de todos os pobos sobre os que se proclamou o meu nome, —oráculo de Iavé que fai tales cousas—.
13
Velaquí veñen os días —oráculo de Iavé— nos que o arador enlazará co segador e o que pisa a uva con quen sementa, e os montes destilarán mosto e todos os outeiros se derreterán.
14
Daquela repatriarei ó meu pobo Israel, reconstruirán as vilas devastadas e habitaranas, plantarán vides e beberanlles o viño, traballarán leiras e comeranlles os froitos:
15
vounos eu plantar no seu terreo para nunca máis seren arrincados da súa terra, a que eu lles dera: dixo Iavé, o teu Deus.
← Chapter 8
Jump to:
Chapter 1
Chapter 2
Chapter 3
Chapter 4
Chapter 5
Chapter 6
Chapter 7
Chapter 8
Chapter 9
All chapters:
1
2
3
4
5
6
7
8
9