bible
ra
🌐 Language
English
Español
Français
Deutsch
Português
Italiano
Nederlands
Русский
中文
日本語
한국어
العربية
Türkçe
Tiếng Việt
ไทย
Indonesia
All Languages
Home
/
Galacian
/
Galacian 1989 (Biblia SEPT)
/
Mark 1
Mark 1
Galacian 1989 (Biblia SEPT)
Jump to:
Chapter 1
Chapter 2
Chapter 3
Chapter 4
Chapter 5
Chapter 6
Chapter 7
Chapter 8
Chapter 9
Chapter 10
Chapter 11
Chapter 12
Chapter 13
Chapter 14
Chapter 15
Chapter 16
Chapter 2 →
1
Comezo do Evanxeo de Xesús Cristo, Fillo de Deus.
2
Como está escrito no profeta Isaías: Mira: mándoche por diante un mensaxeiro, para que prepare o teu camiño.
3
Unha voz clama no deserto: preparade o camiño do Señor, endereitade os seus vieiros.
4
Presentouse Xoán no deserto bautizando: pregoando un bautismo de conversión, para lograr o perdón dos pecados.
5
E ía onda el xente de toda a provincia de Xudea e de Xerusalén; confesaban os seus pecados e el bautizábaos no río Xordán.
6
Xoán ía vestido con pelos de camelo e cun cinguideiro de coiro arredor do van, e mantíñase de saltóns e mel bravo.
7
E proclamaba: Detrás miña está a chegar o que é máis forte ca min, ante quen non son digno de prostrarme para lle desatar os amallós do seu calzado.
8
Eu bautizo con auga, pero el havos bautizar con Espírito Santo.
9
E aconteceu por aqueles días que chegou Xesús desde Nazaret de Galilea, e Xoán bautizouno no Xordán.
10
E de seguida, mentres saía da auga, viu abrirse o ceo e baixar sobre el, coma unha pomba, o Espírito Santo.
11
E unha voz deixouse oír desde o ceo: Ti es o meu fillo benquerido, o meu predilecto.
12
Axiña o encamiñou o Espírito ó deserto.
13
Alí permaneceu corenta días, alí o tentou Satán; vivía entre as feras, e servíano os anxos.
14
Cando prenderon a Xoán, marchou Xesús a Galilea a anunciar a Boa Nova de Deus,
15
dicindo: O tempo está cumprido, e chega o Reino de Deus; convertédevos, e crede na Boa Nova.
16
Camiñando pola ribeira do mar de Galilea, viu a Simón e mais a Andrés, seu irmán, largando o aparello no mar: eran pescadores.
17
Díxolles Xesús: Vide comigo, e fareivos pescadores de homes.
18
E deixando de contado o aparello, seguírono.
19
Un pouco máis adiante viu a Santiago, fillo de Zebedeo e mais a Xoán, seu irmán; estaban arranxando o aparello na barca. E de seguida os chamou.
20
Eles, deixando a seu pai, Zebedeo, e mais os seus tripulantes na barca, seguírono.
21
Viñeron a Cafarnaún, e, ó chegar o sábado, púxose a ensinar na sinagoga.
22
Todos estaban abraiados da súa doutrina, pois ensinaba coma quen ten autoridade, non coma os letrados.
23
E cadrou que había naquela sinagoga un home posuído por un mal espírito, e púxose a berrar:
24
Que temos que ver contigo, Xesús de Nazaret? Seica viñeches para acabar connosco? Ben sei quen es ti: ti es o Santo de Deus.
25
Xesús mandoulle: Cala, e bótate fóra dese home.
26
O espírito malo sacudiuno, pegou un berro moi alto e saíu del.
27
Todos ficaron pasmados, e discutían entre si, dicindo: Que é isto? Unha nova doutrina, e con autoridade; enriba, dálles ordes ós espíritos malos, e eles obedéceno.
28
E a súa sona espallouse de contado por toda a rexión de Galilea.
29
Despois de saír da sinagoga, foi á casa de Simón e mais de Andrés, con Santiago e Xoán.
30
A sogra de Simón estaba na cama con febre, e axiña lle falaron dela.
31
E, achegándose, colleuna pola man e ergueuna; desapareceulle a febre e púxose a servilos.
32
Chegada a tardiña, xa de sol posto, leváronlle todos os enfermos e endemoñados;
33
A vila enteira se amoreou na porta.
34
E sandou a moitos enfermos de varias doenzas e botou moitos demoños. Pero ós demoños non os deixaba falar, porque o coñecían ben.
35
Erguéndose moi cedo, aínda de noite, saíu para un lugar arredado, onde se puxo a orar.
36
Simón e mais os seus compañeiros fórono seguindo,
37
e cando o atoparon, dixéronlle: Todos te andan a buscar.
38
El respondeu: Vaiamos a outro sitio, ás aldeas veciñas, para predicarmos tamén alí, que para isto vin.
39
E foi predicando polas sinagogas de Galilea, botando fóra os demos.
40
Acercóuselles un gafo, e rogoulle de xeonllos: Ti, se queres, pódesme limpar.
41
Xesús, estremecido, alongou a man, e tocouno, dicindo: Pois quero, queda limpo.
42
E no instante desapareceulle a lepra, quedando limpo.
43
E despediuno, e, poñéndose moi serio, mandoulle:
44
Mira, non lle vaias dicir nada a ninguén; preséntate ó sacerdote, e fai pola túa purificación as ofrendas mandadas por Moisés, para que lles conste.
45
Pero, mal se foi, aquel home botouse a pregoar a nova, espallándoa de tal xeito que Xesús xa non podía entrar en vila ningunha, senón que quedaba fóra, nos arredores apartados. Pero aínda así acudían a el de todas as partes.
Jump to:
Chapter 1
Chapter 2
Chapter 3
Chapter 4
Chapter 5
Chapter 6
Chapter 7
Chapter 8
Chapter 9
Chapter 10
Chapter 11
Chapter 12
Chapter 13
Chapter 14
Chapter 15
Chapter 16
Chapter 2 →
All chapters:
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16