bible
ra
🌐 Language
English
Español
Français
Deutsch
Português
Italiano
Nederlands
Русский
中文
日本語
한국어
العربية
Türkçe
Tiếng Việt
ไทย
Indonesia
All Languages
Home
/
Galacian
/
Galacian 1989 (Biblia SEPT)
/
Mark 6
Mark 6
Galacian 1989 (Biblia SEPT)
← Chapter 5
Jump to:
Chapter 1
Chapter 2
Chapter 3
Chapter 4
Chapter 5
Chapter 6
Chapter 7
Chapter 8
Chapter 9
Chapter 10
Chapter 11
Chapter 12
Chapter 13
Chapter 14
Chapter 15
Chapter 16
Chapter 7 →
1
Saíndo de alí, foise para a súa vila, acompañado polos seus discípulos.
2
Cando chegou o sábado, empezou a ensinalos na sinagoga. E moita da xente que o escoitaba dicía abraiada: De onde lle veñen a este todas esas cousas? Que sabedoría é esa que lle ensinaron, e como pode facer tantos milagres pola súa man?
3
Non é este o carpinteiro, fillo de María e irmán de Santiago, Xosé, Xudas e mais Simón, e as súas irmás non viven aquí connosco? Estaban realmente escandalizados.
4
Pero Xesús díxolles: Non hai profeta máis desprezado que na súa terra, na súa casa, ou entre os seus parentes.
5
E non puido realizar alí ningún milagre, fóra dalgunhas curacións, que fixo impoñendo as mans.
6
Estaba sorprendido por aquela incredulidade. E dedicouse a andar polas aldeas dos arredores, ensinando.
7
Entón chamou os Doce, e empezou a mandalos de dous en dous, dándolles poder sobre os espíritos malos.
8
Recomendoulles que non levasen nada para o camiño, fóra dun caxato: nin pan, nin alforxas, nin cartos na faixa.
9
Que calzasen sandalias, pero que non levasen máis ca unha túnica.
10
E avisounos: Cando entredes nunha casa, permanecede nela ata que vos marchedes.
11
Se nalgún lugar non vos acolleren nin vos escoitaren, ídevos, sacudindo o po dos vosos pés, para que lles sirva de aviso.
12
Marcharon, e predicaron a conversión.
13
Botaban fóra moitos demoños, e curaban os enfermos, unxíndoos con aceite.
14
Como a sona de Xesús se estendía por todas partes, chegou ós oídos do rei Herodes, xunto cos comentarios que facían: "é o mesmo Xoán Bautista resucitado de entre os mortos, e por iso actuaban nel eses poderes".
15
Outros dicían que era Elías ou algún profeta.
16
Pero Herodes dicía: É Xoán Bautista, a quen eu mandei decapitar, que está resucitado.
17
Porque Herodes mandara encadear a Xoán por causa de Herodías, a muller de seu irmán Filipo, coa que el casara.
18
Xoán non paraba de lle dicir: Non che está permitido vivir coa muller do teu irmán.
19
Por iso Herodías colléralle xenreira a Xoán, e queríao matar.
20
Pero Herodes temía a Xoán, sabendo que era home xusto e santo, e protexíao; mesmo lle gustaba oílo falar, aínda que quedase desacougado.
21
Pero chegou a ocasión axeitada, cando Herodes no día que facía anos deu un banquete ós ministros, oficiais e xente importante de Galilea.
22
Resulta que, entrando a filla da mesma Herodías, bailou moi ben, e gustoulle moito a Herodes e a todos os convidados. Entón o rei díxolle á rapaza: Pídeme o que queiras, que cho hei dar.
23
E xurou. Dareiche o que me pidas, aínda que sexa a metade do meu reino.
24
Vaise a rapaza onda a nai e pregúntalle: Que lle pedirei? Ela díxolle: Pídelle a cabeza de Xoán Bautista.
25
E volvendo axiña onda o rei, díxolle: Quero que me deas de contado, nunha bandexa, a cabeza de Xoán Bautista.
26
O rei púxose moi triste, pero, polos xuramentos e mais polos convidados, non quería defraudala.
27
E de seguida mandou a un verdugo traer a cabeza de Xoán; cortoulla,
28
tróuxoa nunha bandexa, para lla dar á rapaza, que non tardou en levarlla á súa nai.
29
Cando os seus discípulos o souberon, recolleron o cadáver e fórono enterrar.
30
Cando volveron a reunirse con Xesús, os apóstolos contáronlle canto fixeran e ensinaran.
31
El díxolles: Vide vós comigo a un lugar arredado, e descansade un pouco. Eran moitos os que ían e viñan, e nin para comer atopaban tempo.
32
Fóronse sós na barca a un lugar arredado.
33
Pero, ó velos marchar, a xente foinos seguindo por terra desde todas as vilas, e chegaron primeiro ca eles.
34
Así, cando desembarcaron, atopouse cunha grande multitude. El, conmovido, porque eran coma ovellas sen pastor, púxose a predicar ensinándolles moitas cousas.
35
Como se facía tarde, acercáronselle os discípulos e dixéronlle: Por aquí non hai casas e xa pasa moito da hora:
36
vai ser mellor que os despidas, para que vaian ás aldeas e vilas veciñas, e merquen algo de comer.
37
Pero el respondeulles: Dádelles vós de comer. Contestaron: Imos, logo, mercar douscentos denarios de pan para lles darmos de comer?
38
El preguntoulles: E, logo, canto pan tendes? Fixeron o reconto e dixeron: Por xunto temos cinco bolos e mais dous peixes.
39
El mandounos sentar en grupos na herba verde.
40
E fóronse sentando en grupos de cen ou cincuenta.
41
El colleu os cinco bolos e mais os dous peixes, ergueu a vista ó ceo, bendiciunos, e partiu os bolos, e déullelos ós discípulos, para que os servisen; e repartiu tamén os dous peixes entre todos.
42
Comeron todos ata se fartaren
43
e recolleron de anacos e das sobras dos peixes doce cestos cheos.
44
E os que comeran os pans eran cinco mil homes.
45
De seguida mandou ós seus discípulos que embarcasen e fosen indo diante para Betsaida, mentres el despedía a xente.
46
E cando rematou de se despedir, foi orar ó monte.
47
Fíxose noite, e a barca estaba no medio do mar, mentres el quedaba só en terra.
48
Vendo o fatigados que estaban de tanto vogar co vento en contra, ó raiar o día foi cara a eles, andando polo mar.
49
Pero eles, ó velo andar polo mar, coidaron que era unha pantasma, e empezaron a berrar.
50
Mais el de contado faloulles: Tranquilos, que son eu. Non teñades medo.
51
E subiu á barca, onda eles. Acougou o vento, e todos quedaron abraiados de vez,
52
porque non comprenderan o milagre do pan, ó teren aínda cerrado o entendemento.
53
Cando atravesaron para a outra banda, chegaron a Xenesaret, e alí desembarcaron.
54
A xente de contado o recoñecía.
55
Percorrendo toda aquela comarca, levábanlle todos os enfermos en leitos;
56
e en aldeas, vilas e cidades, cando oían que andaba por alí, pousaban os enfermos nas rúas, rogándolle que lles deixase tocar tan sequera a orla do seu manto. E cantos o tocaban, curaban.
← Chapter 5
Jump to:
Chapter 1
Chapter 2
Chapter 3
Chapter 4
Chapter 5
Chapter 6
Chapter 7
Chapter 8
Chapter 9
Chapter 10
Chapter 11
Chapter 12
Chapter 13
Chapter 14
Chapter 15
Chapter 16
Chapter 7 →
All chapters:
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16